Sistema de nomes
Nunha rede de ordenadores como Internet hai moitos dispositivos conectados entre si que comparten recursos: unhas máquinas proporcionan recursos e outras demandan recursos. Incluso poden estar realizando as dúas cousas á vez. Dentro dunha mesma rede, un ordenador que queira acceder a un recurso doutro ordenador, antes de nada, ten que coñecer en que lugar da rede está esa máquina. Nas redes de ordenadores empréganse as direccións IP para identificar as máquinas.
Supoñamos que na rede hai unha máquina coa dirección IP 192.168.1.10 asignada. Se sabemos que esta máquina ten un servidor web instalado e queremos acceder a el, teremos que poñer no noso navegador http://192.168.1.10 ou https://192.168.1.10, dependendo de se acepta peticións a través de HTTP ou HTTPS. O importante é que temos que indicar a dirección IP na barra de direccións do navegador.
Cunha dirección IP é sinxelo traballar, pero cando a lista comeza a medrar, vólvese máis complexo. Existen varios motivos polos cales resulta complicado traballar con direccións IP:
- Son difíciles de recordar.
- Podemos equivocarnos moi facilmente ao escribilas. Por exemplo, mentres a copiamos nun ficheiro de configuración.
- Cambiar un díxito da dirección IP pode derivar en enviarlle tráfico a unha máquina que non debería recibilo.
Unha IP como 1.1.1.1 é fácil de recordar, pero non ocorre o mesmo cunha dirección IP como 16.139.18.226. Estas direccións postas de exemplo son direccións IPv4, pero se empregamos IPv6, podemos atoparnos con dirección como 2001:0db8:0000:0000:0000:ff00:0042:8329, a cal se volve moi complicado de recordar.
É moi común traballar cunha gran cantidade de direccións IP, polo que hai que buscar algunha forma alternativa á hora de identificar máquinas. Na vida cotiá, por exemplo, podemos chegar a manexar moitos número de teléfono. Como é moi complicado recordalos todos, utilizamos unha axenda de teléfono porque é máis fácil recordar o nome do contacto que recordar o número de teléfono completo de cada contacto. Este tipo de solución tamén se aplicou nas redes de ordenadores: son os denominados sistemas de nomes.
Habitualmente usamos os sistemas de nomes para acceder a recursos doutros dispositivos dentro da rede local ou en Internet. Un sistema de nomes permite identificar aos ordenadores e outros equipos dunha rede cun nome que poida ser fácil de recordar polos usuarios.
Un sistema de nomes asocia cada un dos nomes de equipos dentro dunha rede coas súas correspondentes direccións IP, de tal forma que a partir do nome dun equipo se pode obter a dirección IP que ten ese equipo na rede. Polo tanto, trátase dun mecanismo que permite traducir un nome a unha dirección IP e, así, localizar o ordenador.
Grazas ao sistemas de nomes, cando introducimos https://www.google.es no navegador, o noso equipo sabe que a petición debe ser enviada á dirección IP 142.250.184.3.
Podemos obter a dirección IP dun nome de dominio co seguinte comando:
$ nslookup google.es
Exemplo de saída de comando
$ nslookup google.es
Server: 127.0.0.53
Address: 127.0.0.53#53
Non-authoritative answer:
Name: google.es
Address: 142.250.184.3
Name: google.es
Address: 2a00:1450:4003:808::2003
No exemplo anterior, podemos ver a dirección IPv4 de google.es é 142.250.184.3 e a dirección IPv6 é 2a00:1450:4003:808::2003.
nslookupNo caso de non ter dispoñible o comando nslookup en Ubuntu, debes instalar o paquete dnsutils co comando sudo apt install dnsutils.
Tamén se pode obter realizando un ping:
$ ping google.es
Exemplo de saída de comando
$ ping google.es
Haciendo ping a google.es [142.250.184.3] con 32 bytes de datos:
Respuesta desde 142.250.184.3: bytes=32 tiempo=68ms TTL=113
Respuesta desde 142.250.184.3: bytes=32 tiempo=110ms TTL=113
Respuesta desde 142.250.184.3: bytes=32 tiempo=99ms TTL=113
Respuesta desde 142.250.184.3: bytes=32 tiempo=37ms TTL=113
Estadísticas de ping para 142.250.184.3:
Paquetes: enviados = 4, recibidos = 4, perdidos = 0
(0% perdidos),
Tiempos aproximados de ida y vuelta en milisegundos:
Mínimo = 37ms, Máximo = 110ms, Media = 78ms
No caso do ping só obteremos a dirección IPv4: 142.250.184.3.