Saltar al contenido principal

Arquitectura Cliente-Servidor

A arquitectura cliente-servidor é un modelo de comunicación moi utilizado en informática, sobre todo en redes e desenvolvemento de aplicacións. Consiste basicamente na interacción entre dous tipos de compoñentes:

  • Cliente. É o dispositivo ou aplicación que solicita servizos ou recursos. Pode ser un navegador web, unha aplicación móbil, ou calquera programa que precise acceder a información ou funcionalidades que non ten localmente.
  • Servidor É a aplicación que proporciona os servizos ou recursos solicitados polos clientes. Pode almacenar páxinas web, bases de datos, arquivos, ou realizar operacións complexas. Está deseñado para atender múltiples clientes ao mesmo tempo.

Funcionamento básico

  1. O cliente envía unha petición. Para realizar esta petición o cliente indica a dirección IP do servidor (podo ser que indique o nome de dominio) e o porto de escoita do servidor. Estes coñécense como IP destino e porto destino. Na propia petición o cliente indica a súa dirección IP e o seu porto de escoita para poder recibir a resposta. Estes coñécense como dirección IP e porto orixe.
  2. O servidor recibe esa petición, procesa a solicitude e devolve unha resposta a IP orixe e porto orixe.
  3. O cliente amosa esa resposta ao usuario.

Comunicación entre aplicacións no mesmo equipo

Este modelo tamén é moi habitual utilizalo para que se comuniquen dúas aplicacións no mesmo equipo. Neste caso indícase como IP tanto orixe como destino a 127.0.0.1 ou o nome de dominio localhost.

Características principais

  • Separación de funcións: O cliente manexa a interface coa persoa usuaria, mentres o servidor realiza o traballo de fondo.
  • Centralización: Os datos e servizos están nun servidor centralizado, o que facilita o control e mantemento.
  • Escalabilidade: Pódense engadir máis clientes sen cambiar o servidor, ou mellorar o servidor para soportar máis carga.
  • Dependencia da rede: Require conexión entre cliente e servidor, xeralmente a través de internet ou dunha rede local.

Servizos máis comúns

Na seguinte táboa faise unha relación dos servizos máis comúns e os seus portos de escoita predeterminados.

Servizo / AplicaciónFunción PrincipalPorto(s) Predeterminados
HTTPNavegación web sen cifrarTCP 80
HTTPSNavegación web cifradaTCP 443
FTPTransferencia de arquivosTCP 20 (datos), TCP 21 (control)
SSHAcceso remoto seguroTCP 22
DNSResolución de nomes de dominioUDP 53 (ás veces TCP)
MySQLBase de datos relacionalTCP 3306
PostgreSQLBase de datos relacionalTCP 5432
PlayStation Network (PSN)Conexión á rede, multixogadorTCP 3478–3480, UDP 3478–3479
Minecraft (Java Edition)Servidor de xogoTCP 25565