Saltar al contenido principal

Tipos de dominio

Os tipos de dominios clasifícanse segundo a súa posición na xerarquía DNS.

Dominio raíz

Deste dominio colga toda a estrutura do espazo de nomes DNS. Simbolízase cun punto (.). Baixo o directorio raíz hai dominios de primeiro nivel. O dominio raíz xestiona a información sobre os dominios de primeiro nivel, en concreto, sobre os nomes deses dominios e sobre os servidores encargados da xestión deses dominios.

O organismo encargado do dominio raíz e os dominios de primeiro nivel é a Internet Assigned Numbers Authority (IANA), a cal forma parte da Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN).

Dominios de primeiro nivel

Son dominios que, na estrutura do espazo de nomes DNS, se atopan baixo o dominio raíz. A un dominio deste tipo tamén se lle chama TLD (Top Level Domain). Baixo un TLD hai dominios de segundo nivel.

Exemplos de dominios de primeiro nivel son:

  • .com
  • .net
  • .org
  • .es
  • .gal

Dominios de segundo nivel

Son os dominios que se atopan baixo os TLDs. Cada un destes dominios está rexistrado a favor dunha determinada entidade (empresa, universidade, organización, persoa, etc.). A entidade propietaria do dominio é a encargada da xestión do dominio. Para un dominio deste tipo téñense un ou varios servidores DNS que teñen información sobre máquinas dispoñibles no dominio, sobre posibles subdominios e sobre servidores DNS do dominio e dos subdominios.

Cando unha entidade desexa dispoñer dun dominio, debe rexistralo ante un rexistrador oficial autorizado pola ICANN. Os rexistradores permiten comprar TLDs de diferentes tipos.

Exemplos de dominios de segundo nivel son:

  • wikipedia.org
  • google.com
  • iessanclemente.net
  • xunta.gal

Subdominios

Son dominios que hai baixo un dominio de segundo nivel ou baixo outro subdominio. Un subdominio non ten que ser rexistrado como un dominio de segundo nivel. É o propietario do dominio de segundo nivel quen decide a existencia ou non de subdominios. Nun subdominio pode haber servidores encargados de toda a xestión do subdominio, aínda que esa xestión tamén se pode levar a cabo desde os servidores de segundo nivel. Para cada subdominio tense información sobre as máquinas e servidores pertencentes ao subdominio.

Exemplos de subdominios son:

  • es.wikipedia.org
  • www.google.com
  • mestre.iessanclemente.net
  • edu.xunta.gal