Saltar al contenido principal

DNS

O sistema de nomes de dominio (Domain Name System, DNS), tamén denominado servizo de nomes de dominio (Domain Name Service, DNS), é un sistema de nomes xerárquico e descentralizado para ordenadores, servizos e outros recursos conectados a Internet ou a unha rede privada. Este sistema especifícase nunha gran cantidade de RFCs.

Inicialmente, o DNS naceu da necesidade de lembrar facilmente os nomes de todos os servidores conectados a Internet. Nun inicio, o Stanford Research Institute aloxaba un arquivo chamado hosts que contiña todos os nomes de dominio coñecidos, é dicir, o ficheiro hosts actuaba como unha base de datos que era necesaria consultar para obter a dirección IP correspondente a un nome de host. Se un ordenador da rede tiña que resolver algún nome de host, descargaba o ficheiro hosts do servidor.

A medida que o número de hosts ía crecendo, o tráfico que se xeraba co proceso de actualización aumentaba, ademais do tamaño do arquivo de hosts. O forte crecemento da rede causou que o sistema de nomes centralizado no arquivo hosts non resultase práctico.

Esta situación impulsou a que, en 1984, se introducise DNS, un sistema xerárquico e descentralizado.

Descentralización

Os motivos para descentralizar a base de datos son principalmente as seguintes:

  • Evitar ter un único punto de fallo. Se só hai un servidor e falla, ningún ordenador podería resolver as súas consultas DNS.
  • Balancear a carga. O incremento do volume de tráfico fixo que unha única máquina non fose capaz de atender todas as peticións, polo que é necesario repartir a carga entre varias máquinas.
  • Evitar retardos derivados da distancia. Se só hai unha máquina en todo o mundo, aqueles que estean fisicamente máis lonxe, tardarán máis en recibir a resposta.
  • Favorecer a escalabilidade do sistema. O feito de ter un esquema descentralizado non complica o feito de engadir máis máquinas ao sistema se é necesario.

Xerarquización

Os principais motivos para escoller unha base de datos xerárquica son os seguintes:

  • Facilidade de administración. Unha base de datos tan grande como a DNS faise moi complicada de administrar por unha única entidade. O feito de que sexa xerarquizada, delimita de forma moi clara que partes pode administrar cada entidade.
  • Reutilización de nomes. Baixo diferentes dominios, pódense repetir nomes de hosts.