Saltar al contenido principal

Linguaxe de contorno cliente

Unha linguaxe de script é un tipo de linguaxe de programación que non necesitan ser compilados, senón que xeralmente son interpretados, de forma que as súas sentenzas se executan directamente, sen unha previa compilación. Ao conxunto de instrución denomínase script, que é o que soe acompañar a un documento HTML ou estar contido no seu interior. As instrucións do script execútanse cando se carga o documento, ou cando se produce algunha circunstancia, é dicir, cando ocorre un evento.

Un script é un programa escrito para un contorno de execución que pode interpretar e automatizar a execución de tarefas. Os contornos de execución que poden ser automatizados para os scripts poden ser aplicacións software, páxinas web nun navegador web, os shell dos sistemas operativos e sistemas embebidos.

As linguaxes de script do lado cliente están limitadas polas capacidades do navegador web. O seu obxectivo é proporcionar dinamismo ás páxinas web pero sen a necesidade de contactar de novo co servidor web. O navegador é o encargado de interpretar as ordes recibidas nunha linguaxe de guións do lado cliente. Desta forma, non se necesita un pretratamento da páxina web solicitada por parte do servidor web.

Javascript

A linguaxe de lado cliente máis utilizada é JavaScript.

O código JavaScript pode ser incrustado entre código HTML utilizando a etiqueta <script>:

<script>
// Código JavaScript
</script>

Ou pode ser enlazado un script como un elemento externo, ao igual que unha imaxe ou un ficheiro CSS, do seguinte xeito:

<script src="URL-JavaScript.js"></script>

Librerías Javascript

As librerías JavaScript son código reutilizable que ten un caso de uso principal. As librerías proporcionan moitas funcionalidades estándar para que os programadores non teñan que preocuparse de moitas funcións. Algúns das librerías máis utilizadas son:

  • React: a librería máis popular do momento. Creada e mantida polo equipo de Facebook co obxectivo de poder construir interfaces de usuarios interactivas de forma eficiente e baseada en componentes reutilizables. Vai na versión 19.
  • JQuery: proporciona moitas funcións mediante as cales podes realizar diversas tarefas de xeito doado e rápido, como selección e manipulación DOM.
  • Chart.js: permite incluír gráficos animados e interactivos de xeito doado nun sitio web.
  • Anime.js: permite realizar animacións.
  • Parsley: permite validar formularios de xeito doado.

Minimización

Ao igual que pasa con CSS, co código JavaScript podemos realizar minimización para reducir os tempos de carga dunha web.

Por exemplo:

  • Script orixinal: https://code.jquery.com/jquery-3.6.1.js
  • Script minimizado: https://code.jquery.com/jquery-3.6.1.min.js

TypeScript

TypeScript é un superconxunto de JavaScript desenvolvido por Microsoft que engade tipado estático e outras funcionalidades avanzadas ao propio JavaScript.

En resumo: é JavaScript, pero con tipos, o que permite detectar erros antes de executar o código.

Algunhas das súas características son:

  • Tipado estático: podes declarar os tipos das variables, funcións e obxectos. Isto axuda a atopar erros en tempo de desenvolvemento, antes de que o código se execute.
  • Compilado a JavaScript: os navegadores non entenden TypeScript directamente. Precísase compilalo a JavaScript estándar.
  • Compatibilidade total: calquera código JavaScript válido tamén é válido en TypeScript.
  • Soporte para programación orientada a obxectos e interfaces, útil en proxectos grandes.

Vexamos un exemplo de JavaScript como sería en TypeScript:

function saudar(nome) {
return "Ola, " + nome;
}
function saudar(nome: string): string {
return "Ola, " + nome;
}

Web Assembly

Durante as dúas última décadas tan só tiñamos unha linguaxe de programación de lado cliente: JavaScript.

Nos últimos meses apareceu unha nova posibilidade: WebAssembly, ou Wasm para abreviar. Este é un formato binario pequeno e rápido que promete un rendemento case nativo para aplicacións web. WebAssembly está deseñado para ser un obxectivo de compilación para calquera linguaxe, JavaScript incluído. Está desenvolvido pola W3C.

WebAssemby non está pensado para escribir directamente. A idea é escribir código nunha linguaxe de alto nivel e convertelo en WebAssembly. Hai tres xeitos de realizalo:

  • Compilación directa: o código fonte tradúcese a WebAssembly por medio dun compilador. Algunhas linguaxes que contan con este compilador son: Rust, C/C++, Kotlin, etc.
  • Ferramentas de terceiros: A linguaxe non ten soporte nativo pero existen utilidades de terceiros para realizar este tradución. Java e .Net son algunhas linguaxes que contan con esta ferramenta.
  • Intérprete: a linguaxe non se compila, senón que un intérprete escrito en WebAssembly executa o código escrito noutra linguaxe. Algunhas linguaxes con intérpretes de WebAssembly son Python (PyScript) e Ruby.